FROITOS DE TEMPADA
Pouco a pouco vámoslle dando vida a este blog. O monte é madeira, pero tamén alberga outros usos. Xa falamos dos cogomelos, dos recursos cinexéticos e dado que aínda segue a ser outono imos falar de quizais dous dos froitos estrela producidos por esas árbores que viven no monte.
Hoxe toca escribir sobre as castañas e as noces.
As noces son o froito das nogueiras, ou das noceiras. A nogueira máis común na nosa terra é a Juglans regia (nogueira branca) a diferenza da nogueira negra (Juglans nigra) que digamos ten un uso mais forestal.
As noces recóllense a finais de setembro, polo San Miguel e ou ben se deixan caer polo seu propio peso ou ben se varean. Co fin de facer unha boa recolección é aconsellable o non deixalas sobre o terreo máis de tres días, evitando deste xeito o ennegrecemento da cascara.
Pero se hai un froito estrela do outono , este é a castaña. Un froito asociado a reunións sociais en torno á mesma a través do que en Galicia denominamos os magostos. Unha festa social, na que os elementos fundamentais son as castañas e o lume para asar as mesmas.
A recolección das castañas é mais laboriosa ca das noces, xa que estas se atopan dentro dos ourizos que cos seus pinchos é difícil acceder ao interior dos mesmos.
O que se soe facer é unha vez vareado á arbore, xuntar os ourizos nas corripas (pequenas construcións de pedra e sen teito) para que se sequen alí. Unha vez secos estes ourizos se abren e soltan a castaña, polo que xa se pode recoller.
Estes días estamos a ver na prensa denuncias efectuadas polo roubo deste froito. Dicir que as árbores teñen dono e que están plantadas na súa maioría en terreos de propiedade privada, polo que aquel refrán de que “A castaña que está no camiño é do veciño”, é correcto, pero mais aló do mesmo non.